Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

TRAS OS MONTES

€35,00
ISBN 9788412551556

«En 2017 regresei á aldea. As leiras estaban abandonadas, xa non se vía
gando a pastar nos campos. Entrei no bar. Unha estufa queimaba leña.
Nunha mesa estaba o ex-alcalde, envellecido, coma os outros tres homes
que o acompañaban na partida de cartas. Alí contáronme».
Javier Teniente

Trás-os-Montes é unha rexión no nordeste de Portugal, chamada así por
estar situada alén de sistemas montañosos que a separan da costa. Neste
territorio, e en moitos outros por toda a península ibérica, detívose
Javier Teniente para captar coa súa cámara o abandono, a soidade dalgúns
lugares apartados e dos poucos habitantes que alí permanecen. Tras os
montes, tal vez o seu traballo máis persoal, é o resultado desta viaxe,
feita de diversos percorridos ao longo dos anos, onde mostra a
desolación e a beleza dun mundo no bordo da súa desaparición.

Javier Teniente (1968) cubriu guerras, crises humanitarias e desastres
naturais en diferentes lugares do mundo como Centroamérica, Timor,
Kosovo, Iraq, Haití, Indonesia ou México. Cunha traxectoria marcada por
proxectos documentais de longo percorrido, publicou Emergencias
Humanitarias (Médicos del Mundo, 2000), Mans Salgadas (Edicións Xerais,
2002), Iraq, días de posguerra (Edicións Xerais, 2003), Cabalos de
Vento, Curros de Pedra (Edicións Xerais, 2009) e Hijos del Océano
(Blume, 2016). O seu labor ten sido recoñecido co Premio Internacional
Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 e 2005), o Premio Galicia
de Comunicación (2004) e a Mención Especial nos Premios Ortega y Gasset
de Periodismo (2006). Durante anos colaborou como fotógrafo con Nacións
Unidas, Médicos do Mundo, Médicos sen Fronteiras, Acción contra a Fame e
outras organizacións internacionais. A súa obra foi exhibida en cidades
como Nova York, Barcelona, Hamburgo, Buenos Aires ou São Paulo.

SOLAR de Edicións é unha editorial fundada en 2022, en Vigo, por Juan
Gallego, deseñador gráfico, e Ignacio Pérez-Jofre, artista e profesor da
Universidade de Vigo. Entenden a edición como un proceso creativo.
Queren publicar libros que desexen ver e ler. Tras os montes é o
seu quinto libro.

____

Editorial: SOLAR 12/2025

Idioma: Galego