FAROL PERPETUO NA NÉBOA. LUÍS REI E A CULTURA MARÍTIMA
A obra foi coordinada e editada por dous dos amigos máis achegados do homenaxeado: o profesor e ensaísta Emilio Xosé Ínsua e o filólogo e académico Francisco Fernández Rei.
- A figura homenaxeada: O libro reivindica o inxente legado cultural e humano de Luís Rei (O Grove, 1960 - Pontevedra, 2015), quen fose un dos intelectuais e activistas máis dinámicos e transcendentais de Galicia no rescate e dignificación do patrimonio dos nosos mares e ríos. Luís Rei foi, de feito, o primeiro director da revista Ardentía.
- Compilación de textos: A publicación recolle unha coidada colectánea de traballos escritos polo propio Luís Rei sobre cultura marítima, incluíndo tanto ensaios xa editados en diversas cabeceiras como textos totalmente inéditos.
- Memoria local: Incorpora a súa peza fundamental "Tópicos e (pre)textos para unha historia de Cambados", xunto con diversos escritos focados no estudo da memoria etnográfica e mariñeira da comarca do Salnés.
- Entrevistas e apéndices: Para ofrecer un retrato completo da súa honestidade e compromiso co país, o libro engade varias das entrevistas que concedeu a diferentes medios de comunicación ao longo da súa vida, complementadas con apéndices documentais e gráficos que axudan a fixar a súa impagábel pegada humana.
Trátase dun libro que homenaxea a figura do intelectual Luís Rei (Ogrove, 1960- Pontevedra, 2015), un dos grandes activistas cos que contou a Federación desde o seu nacemento en 1993 para o resgate, reivindicación e divulgación da cultura dos nosos mares e ríos e para a dignificación das xentes que neles traballan. O libro, preparado polo actual cordinador da revista Nova Ardentía, Emilio Xosé Ínsua, e polo catedrático e académico cambadés Francisco Fernández Rei, ambos tamén activistas de Culturmar, reúne en catro grandes apartados materiais diversos sobre a traxectoria de Luís Rei. Nunha primeira parte, titulada “Letras con salitre”, reúnense os seus textos sobre cultura marítima e fluvial en Ardentía e noutras revistas, varias conferencias, algúns prólogos, diversos proxectos de actividades, deseños de exposicións e roteiros, etc. Hai materiais editados e outros inéditos, que proceden do arquivo conservado polos familiares de Luís, boa parte do cal foi entregado en depósito ao concello de Cambados para que faga parte do arquivo do futuro Museo Ramón Cabanillas. Un segundo apartado do libro está formado pola serie Tópicos e (pre)textos para unha historia de Cambados, que Luís publicou orixinariamente por entregas no suplemento “Máis Cambados” do Faro de Vigo (edición Arousa), entre 2005 e 2007. Constitúe un achegamento ameno e simpático, mais non por iso menos rigoroso, á historia de Cambados, en particular, e do Salnés, en xeral. Na terceira parte do libro recupéranse e transcríbense un total de dez entrevistas realizadas a Luís entre 2005 e 2015 por diversos medios, que encerran testemuños directos e opinións moi valiosas do seu pensamento e do seu quefacer en múltiples campos: a política, a investigación sobre o poeta Cabanillas, o traballo cultural, os proxectos nos que andaba e que a morte lle impediría culminar, etc. Finalmente, nos “Apéndices” ofrécense unha escolma fotográfica que percorre a súa vida, un índice dos materiais que a súa familia legou en depósito ao Concello de Cambados e algúns textos dos responsábeis da edición que permiten calibrar na súa xusta medida todo o que a cultura galega debe a un Luís Rei que será sempre querido e recordado. Vistas as restricións implantadas actualmente pola situación de pandemia, Cultumar decidiu pospoñer de momento os actos de presentación pública desta publicación que tiña previsto realizar en Cambados, Ogrove e outras localidades. Cando se poidan celebrar, farase oportunamente anuncio dos mesmos.
____
Editorial: Culturmar 2020
Idioma: Galego
Páxinas: 412