MARÍA VINYALS, A MULLER DO PORVIR. SETE VIDAS BAIXO A SOMBRA DUN CASTELO
OEsta obra é o resultado dunha profunda e rigorosa investigación, con numeroso material inédito (documental, gráfico e de testemuñas orais), sobre a apaixonante historia vital de María Vinyals y Ferrés, nacida en 1875 no Castelo de Soutomaior (Pontevedra).
María Vinyals medrou no seo dunha familia acomodada, acumulou intensas experiencias e acabou converténdose nunha prolixa escritora, unha pioneira do feminismo e unha muller preocupada pola sociedade que a rodeaba. Na súa vida privada rebelaríase contra o desencanto dun matrimonio desgraciado. Co seu segundo marido –o médico cubano Enrique Lluria–, compartiría ideais políticos e sociais, e xuntos chegarían a fundar, en 1910, un gran sanatorio, no vello teatro do propio Castelo de Soutomaior. Fixaron aquí a súa residencia xunto aos seus cinco fillos; catro procedían de matrimonios precedentes. En 1917, afogados polas débedas e marxinados polos seus ideais políticos, María Vinyals e Enrique Lluria abandonarían para sempre o Castelo de Soutomaior. Foi entón cando os seus camiños, e os dos seus fillos Antonio, Enrique, Emilia, María Teresa y Roger, tomarían diferentes rumbos e nunca volverían a atoparse. O presente ensaio histórico (publicado en tres idiomas: galego, castelán e inglés) repasa estas sete vidas que medraron baixo a sombra dun castelo. Desde esta impresionante fortaleza medieval, que hoxe é patrimonio público, propiedade da Deputación de Pontevedra, Diego Piay viaxa máis alá dos seus límites e das súas ameas, máis alá de Pontevedra, Galicia… ou Europa. Esta historia xestouse tras as robustas murallas do castelo e agora, moitos anos despois, regresa ao lugar onde todo comezou.
____
Editorial: Alvarellos
Idioma: Galego