Quen somos cando nos situamos lonxe da nosa orixe?
Como observamos os lugares novos nos que nos instalamos?
Vostede está aquí é unha resposta de moitas posíbeis: o rexistro do tránsito por xeografías afastadas que rematan sendo familiares, o mapa a tres escalas que xorde tras o camiño por múltiples espazos e tempos, o arquivo que preserva as voces das que foron quen de multiplicar o sentido das coordenadas que ocuparon.
Este poemario proba que, de cando en vez, o percorrido polo alleo e pola memoria pode devolvernos a imaxe máis certeira de quen queremos ser.
Antía Marante Arias naceu na Coruña no ano 1982. Estudou Filoloxía Hispánica e Galega na Universidade de Santiago de Compostela onde tamén cursou o Mestrado en Estudos Téoricos e Comparados da Literatura e da Cultura.
Desenvolveu a súa actividade de crítica literaria sobre poesía en espazos como o “Espello das letras” da revista Grial, “LG3: o Soportal da Literatura Galega” e “Caravansari, revista de poesía contemporánea en lenguas peninsulares”.
Durante tres anos foi lectora de lingua galega no Romanisches Seminar da Christian-Albrechts- Universität de Kiel (Alemaña) e, tras a súa estadía báltica, pasou a formar parte da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega.
Artellou os proxectos poéticos Almanaque (2018) e Baby Blues (2019).
Na actualidade, dedícase á docencia de galego no centro de ensino Barco de papel (A Coruña) onde tamén coordina os clubs de lectura feministas, A biblioteca flotante e Maternidade(s).
Vostede está aquí é o seu primeiro libro de poemas.
_____
Editorial: Cuarto de inverno 2025
Idioma: Galego
Páxinas: 76
POESÍA