O parlamento dos paxaros é seguramente a máis deliciosa –e posibelmente a primeira– celebración do día de san Valentín xamais escrita. Ninguén sabe como o 14 de febreiro se converteu nunha das festas do amor. Talvez o propio Chaucer tivo a agradábel idea de animar os meses máis lúgubres do inverno cunha ocasión que evocase a primavera. Pode considerarse un poema festivo composto para o día de san Valentín.
N’O parlamento dos paxaros, o amor considérase nos seus aspectos filosófico, social e poético, así como erótico e reprodutivo; o poema pasa da solemnidade do soño de Escipión á rifa cómica dos paxaros; e termina abruptamente antes de que o lector saiba a quen elixirá a aguia femia.
Pola súa banda, O libro da duquesa é o primeiro dos seus grandes poemas, xa en pleno dominio da linguaxe e das convencións da poesía amorosa, unha das súas principais preocupacións nas décadas seguintes.
TEMÁTICA:Amor, Europa, Humor, Natureza, Vida animal
Geoffrey Chaucer naceu en Londres entre 1340 e 1344. En 1357 era paxe na casa do príncipe Lionel, máis tarde duque de Clarence, a quen serviu durante moitos anos. En 1359-60 estivo co exército de Eduardo III en Francia, onde foi capturado polos franceses pero rescatado. En 1366 casou con Philippa Roet, probabelmente irmá da terceira esposa de Xoán de Gante, dama de honra da raíña de Eduardo III. Entre 1370 e 1378, Chaucer traballou con frecuencia en misións diplomáticas no continente, visitando Italia en 1372-73 e mais en 1378. A partir de 1374 ocupou varios postos oficiais, entre eles o de controlador de aduanas, supervisando coiros e peles no porto de Londres (1374-86). Foi un funcionario público respectado, pois foi nomeado secretario de obras públicas do rei (1389-91). Faleceu en 1400, e está enterrado no “Poet’s corner” da abadía de Westminster, en Londres.