Isto non é un xuízo. Non hai fiscais nin tribunal nin xurado. En Conxo, non restraint tan só atoparemos as posibles deliberacións do Comité de Ética Asistencial dunha área sanitaria que se enfronta á reclamación interposta por Marcos García, un cidadán, un fillo, talvez un simple actor. No seu requirimento, un de tantos outros, esíxense explicacións polo que considera o trato vexatorio que sufriu a súa nai nunha planta de psiquiatría. Un trato que, a ollos de Marcos, resulta contrario aos estándar de calidade e de atención digna propios dun servizo público.
Sobre o papel, catro actrices e dous actores, unha familia, varios equipos médicos, as dúbidas, a incerteza, as declaracións e os xogos escénicos. Todo isto fai de Conxo, non restraint o que é: un artefacto de sutil intriga, de cómplice reflexión co público e de ácido humor. En definitiva, un artefacto teatral.
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986). Xornalista e escritor. Iniciou a súa carreira profesional no desaparecido Xornal de Galicia. Tras o peche da cabeceira en 2011, comezou a colaborar en medios como Praza Pública, Luzes ou Nós Diario para logo especializarse na comunicación no ámbito cultural. Na actualidade, traballa na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). No eido literario, estreouse en 2006 con Dor pantasma, título gañador do Premio Biblos-Pazos de Galicia. Tres anos despois, acadou o Premio novela por entregas de La Voz de Galicia por Con acuse de recibo. En 2012 recibiu o Premio Vicente Risco de Creación Literaria por Todos os días e recuncou neste mesmo galardón con A simetría das bestas en 2017. A súa novela Máscaras rotas para Sebastian Nell acadou o Premio García Barros en 2014. En 2022 conquistou o Premio Repsol de Narrativa breve con Os corpos dos Romanov e, dous anos despois, repetiu como gañador neste mesmo certame con Pirotecnia. Na escrita dramática foi merecente do Premio Rafael Dieste de textos teatrais por Conxo, non restraint en 2023 e do Premio Abrente por Os servizos prestados en 2024.
____
Editorial: Cuarto de inverno 2025
Idioma: Galego
Páxinas: 120
ADULTOS
TEATRO