
O ano 2023 cumpriuse o centenario da fundación do Seminario
de Estudos Galegos (SEG), unha iniciativa que tivo un percorrido tan breve como brillante (1923-1936), ata o punto de
ser unanimemente recoñecido como un fito na modernización tanto da cultura galega coma da propia universidade.
Este centenario ofreceu unha ocasión idónea para realizar un balance da súa
significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia, na maduración da súa concepción como nación europea e na reivindicación do galego
como idioma culto e plenamente desenvolvido. A creación do Seminario de
Estudos Galegos supuxo, antes de máis, un salto cualitativo decisivo na configuración dun campo específico de estudos galegos, multidisciplinario pero articulado arredor dunha idea á altura do tempo, integral e integradora de Galicia. Por
outra banda, o Seminario foi un ámbito inédito de colaboración formativa e
investigadora entre profesores e estudantes universitarios, estimulando a pescuda, a colaboración entre disciplinas, o traballo sobre o terreo e a aplicación
práctica dos coñecementos. Ao mesmo tempo, promoveu un ideal de excelencia
científica, perseguido mediante unha actualización constante, favorecendo os
contactos internacionais cos centros máis avanzados, cunha política específica de
intercambio con Portugal.
Entre as diversas actividades (encontros, exposicións, extensión cultural) realizadas co gallo desta efeméride salienta a realización de dous congresos, convocados polo Consello da Cultura Galega, que colocaron o SEG no centro de
estudo e análise. O primeiro deles, baixo o lema «Saber de nós. Cen anos do
Seminario de Estudos Galegos» tivo lugar os días 10 e 11 de outubro de 2023.
O segundo, titulado «O Seminario de Estudos Galegos e as institucións de alta
Henrique Monteagudo e Ramón Villares cultura do seu tempo» desenvolveuse uns días máis tarde, o 24 de outubro.
No volume que presentamos ofrécense, en dúas partes, un conxunto de traballos que
foron solicitados aos estudosos e estudosas que participaron nos devanditos congresos. Na primeira parte recóllense os traballos sobre o propio Seminario; na
segunda, os traballos sobre as institucións máis ou menos paralelas que xurdiron
na Península nas primeiras décadas do século XX.
O congreso «Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos» tivo
como obxectivo ofrecer un balance da achega do Seminario á constitución do
campo de coñecemento dos estudos galegos e o que a súa contribución supuña
en termos de posta ao día da Universidade como institución científica, produtora e diseminadora de coñecemento, e mais como axente de transformación social
e cultural. De inicio, a denominación Seminario de Estudos Galegos evocaba un
formato de traballo académico innovador, introducido pola reforma das universidades posta en marcha por Wilhem von Humboldt na Alemaña no século XIX.
O modelo de seminario pretendía superar a educación memorística a través do
debate en pequenos grupos, dirixidos por un profesor, no que a relación directa
entre eles era esencial. Deste xeito, Seminario, aplicado a un organismo universitario, evocaba a idea de traballo en equipo, interdisciplinario, teórico / práctico, en contraposición ao modo tradicional da lección maxistral e da pescuda
puramente especulativa do catedrático illado. Neste sentido, o SEG foi o primeiro seminario que existiu en Galicia e o único por moito tempo.
Estudos galegos, pola volta de 1923, debía soar xa algo familiar nos círculos
intelectuais do país, pois existían, ao menos, dous precedentes. O primeiro, a
revista que tiña ese nome, Estudios Gallegos (1915-1916), vencellada á efémera
asociación coetánea Reunión de Estudios Gallegos, dúas iniciativas promovidas
por Aurelio Ribalta en Madrid, ao abeiro do célebre Ateneo da capital. O
segundo, máis próximo, era o Instituto de Estudios Gallegos (IEG), fundado na
Coruña en 1918 baixo a presidencia de Manuel Casás Fernández, que en 1919
organizara un Congreso de Estudios Gallegos. Non obstante, a expresión estudos
galegos contiña unha novidade ben significativa no plano lingüístico. No caso do
IEG, Estudios Gallegos remitía claramente ao castelán, que era o idioma empregado polo dito Instituto. No caso da revista e da entidade promovidas por
Aurelio Ribalta, Estudios Gallegos era unha denominación lingüisticamente
ambigua, xa que Ribalta usaba esas mesmas palabras tanto en galego coma en
castelán, pois no seu tempo os castelanismos estudio e gallego eran as formas
xeralmente usadas en galego, en tanto que estudo(s) e galego(s) eran formas practicamente inauditas.
O uso continuado destes dous neoloxismos, estudo e galego –un uso que inicialmente era deliberado e militante–, comezara a partir de 1917 nas páxinas do
boletín A Nosa Terra, e só se afirmou despois de 1920 na revista Nós, sobre todo
na pluma duns poucos escritores, como Porteiro Garea, Castelao ou Vicente
Risco. Por tanto, en 1923 (Seminario de) Estudos Galegos non só era unha denominación inequivocamente galega, senón que se asociaba dun xeito inconfundible co galeguismo inspirado polas Irmandades da Fala. O abandono do castelanismo gallego e a recuperación da forma tradicional galego era un xesto
emblemático do proceso de resignificación do idioma do país promovido polas
Irmandades, que supuña a superación do paradigma lingüístico-cultural e político do rexionalismo.
Por tanto, a novidosa denominación Seminario de Estudos Galegos expresaba
o «novo espírito» que levou á creación daquela orixinal institución, que animou
a súa traxectoria e que se manifestou en todos os aspectos do seu labor. Ese espírito, esa traxectoria e as circunstancias en que se desenvolveu son analizados nos
primeiros traballos do volume por parte dos historiadores Ramón Villares («Traxectoria e significación do Seminario de Estudos Galegos»), Justo Beramendi
(«Os contextos históricos»), Alfonso Mato («O Seminario de Estudos Galegos e
as institucións públicas») e Uxío-Breogán Diéguez («O Seminario de Estudos
Galegos e o nacionalismo galego»).
Segue un feixe de traballos sobre a achega do SEG no ámbito das humanidades, claramente privilexiado no seu labor: Xerardo Pereiro deita o seu ollar
antropolóxico en «Os discursos do Seminario de Estudos Galegos sobre as
identidades galegas», Óscar Penín Romero e Susana Reboreda Morillo poñen o
foco na arqueoloxía («Cen anos de arqueoloxía do Seminario de Estudos Galegos»), mentres que Ana Acuña trata sobre «A literatura, elo interdisciplinario»,
Henrique Monteagudo sobre a lingua («“O novo espírito” e o idioma: a eficacia
do exemplo e o extravío da filoloxía») e Antón Costa sobre a educación («O
SEG: galeguizar as escolas e a universidade»).
Finalmente, o contributo do SEG ás ciencias naturais é analizado por Francisco Díaz-Fierros («As ciencias no Seminario de Estudos Galegos»), mentres
que Pilar García Negro repara na visión política de Galicia e o do Estado en que
repousa «O Anteproxecto de Estatuto de autonomía de Galiza do Seminario de
Estudos Galegos» e María Xesús Fortes Alén salienta a importancia das moi
innovadoras «Actividades de extensión». A primeira parte do volume remata cos
tres textos sobre o destino do Seminario de Estudos Galegos e o seu legado, a
cargo de Miguel Anxo Seixas Seoane («Do Seminario de Estudos Galegos ao
Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento»), Eduardo Pardo de Guevara y
Valdés («Sobre la creación del Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
Seis cartas inéditas») e María Xosé Fernández Cerviño («O legado do Seminario
de Estudos Galegos: o Museo do Pobo Galego»).
Porén, a iniciativa de creación do Seminario de Estudos Galegos non foi
illada no contexto peninsular. De feito, no primeiro terzo do século pasado
abrollaron con forza institucións de natureza diferente ás sociedades «económicas» ou savantes, que tentaron levar a cabo un proceso de modernización cultural
combinado cun compromiso político coas nacións de que formaban parte, fosen
estatais ou subestatais. Un punto central foi desenvolver a relación e a convivencia coas institucións de educación superior (universidades), cando xa existían, ou
promover a súa creación ex novo, como era o caso do País Vasco.
Este segundo encontro, concibido expresamente como un exercicio de historia intelectual, consistiu nunha sesión de estudo en clave comparada, analizando o significado e relevancia do SEG en relación con outras institucións de
alta cultura da Península Ibérica, como o Institut d’Estudis Catalans (IEC,
Henrique Monteagudo e Ramón Villares
Barcelona, 1907), a Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudos Vascos (SEV, San
Sebastián, 1918) ou o Centro de Estudios Históricos (CEH, Madrid, 1910),
promovido pola Junta para Ampliación de Estudios. A estes centros españois
engádese, pola estreita relación que o SEG tivo con Portugal e a súa cultura, o
caso da Sociedade Martins Sarmento (SMS), fundada en Guimarães (1881) por
impulso do arqueólogo e erudito que lle dá nome. Participaron como relatores
Borja de Riquer (Barcelona), Idoia Estornés (San Juan de Luz), Javier Moreno
(Madrid) e Antero Ferreira (Guimarães), alén de Ramón Villares (Santiago)
como coordinador.
Os devanditos centros de alta cultura comparten a condición de ser complemento ou alternativa de institucións xa existentes (academias, universidades) e
caracterízanse por desenvolveren programas de investigación e de difusión da
ciencia e da cultura, como era común nos centros de altos estudos ou seminarios
creados desde finais do século XIX en toda Europa, nomeadamente en Alemaña,
o Reino Unido e Francia, que foron os espellos en que se miraron os promotores
das institucións ibéricas. As catro primeiras teñen en común que naceron no
contexto histórico e cultural español do primeiro terzo do século XX. Como se
verá nas respectivas análises, existen semellanzas entre todas elas desde o punto
de vista institucional, pero, sobre todo, na aspiración de ter visibilidade internacional e servir de referente das culturas nacionais ás que se debían. Tamén padeceron todas elas dificultades análogas durante a Guerra Civil, desde a súa directa desaparición ou mutacións dos seus fins, ata se recuperaren de modo desigual
a partir da transición democrática. Unha boa parte da historia cultural e científica da España do século XX, cos seus logros e as súas sombras, está representada
na particular evolución destas institucións.
Podemos entender mellor a historia destas catro institucións se as analizamos
en dous grupos con orixes e natureza relativamente próxima. Un primeiro,
composto polo IEC e o CEH, mostra o protagonismo de Barcelona e Madrid á
hora de promover en España modelos de modernidade cultural á marxe das
universidades e academias xa existentes. Nacido o IEC por impulso político do
catalanismo de Prat de la Riba, no que o pobre papel da universidade é compensado polo recurso ás numerosas sociedades locais existentes tanto en Cataluña
como nas Illas Baleares, a institución acabará por formar parte esencial da política cultural da Mancomunitat e, posteriormente, da Generalitat creada durante
a II República. Pola súa banda, o CEH madrileño, inspirado como resposta á
iniciativa catalá, é obra da Institución Libre de Enseñanza (ILE), que é capaz de
manter un programa educativo e investigador en concorrencia, sen ruptura, coa
estrutura política da época, fose monárquica ou republicana.
O segundo grupo é o formado pola SEV e o SEG, aínda que presenten algunhas diferenzas institucionais. Un dos motivos para a fundación da SEV foi a
demanda dunha universidade, mentres que no caso galego o SEG naceu das
mesmas entrañas da universidade compostelá, aínda que mantendo claramente
as diferenzas con ela. Pero fronte á estrita selección dos membros que practicaron as institucións de Barcelona e Madrid, no caso vasco e galego, nomeadamente no primeiro, privilexiouse a integración de numerosas persoas e a creación de
múltiples seccións de traballo. Dito doutro modo, os exemplos vasco e galego
nacen máis directamente da sociedade civil, gozan de escasos recursos institucionais e desenvolven un traballo máis de extensión cultural que de organización da
investigación.
Os obxectivos destas catro institucións foron bastante comúns, aínda que
con resultados acordes ao contexto institucional e político no que naceron e se
desenvolveron. Por unha banda, como institucións de alta cultura, acometeron
traballos de investigación e de protección en campos menos traballados polas
academias e universidades, como os do patrimonio histórico-documental, etnográfico e arqueolóxico, así como o estudo e uso da lingua propia nos respectivos
dominios lingüísticos, alén de impulsar novos métodos de ensino e de difusión
dos resultados. En conxunto, podería dicirse que non só competiron coas universidades, senón que lograron melloralas. E, por outra banda, despregaron un
programa de apertura ao exterior que supuxo participar en eventos científicos
internacionais, promover bolsas de estudo no estranxeiro e fomentar a acollida
Henrique Monteagudo e Ramón Villares de investigadores foráneos de alto nivel. Os lugares mellor atendidos foron os países europeos (Francia, Italia, Alemaña, Reino Unido) e, fóra de Europa, os Estados Unidos e A Arxentina. Un caso singular foi a relación establecida con Portugal por parte do SEG.
En efecto, integrar neste panorama comparado a SMS, vinculada á figura do
grande arqueólogo vimaranense Martins Sarmento, axuda a revalidar a estreita
relación do SEG con institucións científicas de Portugal, que neste caso podemos acoutar en dúas datas ben significativas. A primeira, 1880, cando os membros do Congreso internacional de Antropoloxía e Arqueoloxía viaxan desde
Lisboa á citania de Briteiros para comprobaren que «Nós, os galegos», en palabras do patricio Sarmento, posuían estacións arqueolóxicas comúns; a segunda,
1935, cando os membros do SEG, canda moitos investigadores portugueses,
acoden a Guimarães para ter conta de que «a irmandade dos dois povos aquece
a chama espiritual duma cultura comum». Esta foi a idea que en Guimarães,
durante a Semana Cultural Galega en Portugal, lanzaron figuras como os galegos
Castelao, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde e Sebastián González, así como os
portugueses Mendes Corrêa ou Mario Cardozo, naquela altura presidente da
SMS.
A pesar de o SEG centrar a súa dimensión exterior nas relacións coa cultura
e a investigación de Portugal, os contactos mantidos co resto de institucións aquí
analizadas foron constantes, nomeadamente cos centros da ILE, que mesmo
apadriñou unha Comisión específica para investigar asuntos culturais de Galicia
e Portugal (prehistoria, etnografía, folclore), na que participaron Gómez Moreno e García Arenal cos galegos Sebastián González e Jesus Bal y Gay. Ao mesmo
tempo, as relacións do SEG co IEC foron menos intensas, pero nunca canceladas, nomeadamente nos tempos da II República.
En definitiva, os traballos recollidos neste volume constitúen un esforzo, que
estimamos moi valioso, por desentrañar a significación do Seminario de Estudos
Galegos, vista na súa época e enxergada desde a posteridade, coa profundidade
de perspectiva que outorgan os cen anos de distancia que nos separan do
momentos fundacionais daquela brillante aventura científica, política e mesmo
artística, impulsada por un grupo de estudantes idealistas serios e comprometidos coa súa nación, ao abeiro dunha institución precisada dunha fonda renovación e co alento de profesores e de intelectuais que souberon arriscar unha
aposta por un futuro mellor para o seu –o noso– país.
Réstanos unicamente agradecer a colaboración de todas as persoas especialistas de distintos campos que acudiron ao noso chamamento para colaborar nos
devanditos congresos e mais neste volume, así como ao Consello da Cultura
Galega a confianza depositada en nós e o apoio para facermos realidade ambas
as iniciativas.
Henrique Monteagudo e Ramón Villares
____
Editorial: Consello da cultura 02-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 548
ANO CASTELAO
NACIONALISMO
ACTAS