Na aldea costeira de Carnoelle, onde non rexe o tempo dos reloxos, dous xoves amantes, Amaro Mariño e Luscinda, van procurar refuxio no casal do vello tío Nicolás Mariño, acubillado alí na memoria e nas reliquias de días pasados. Son tres voces, tres personaxes con perfís ben diferentes, mais unidos na arela dunha vida suspendida e conformada pola música ou a literatura. Mais estamos en 1936, e a situación real da xente traballadora, coma Andrés, o mozo comunista, e as tensións políticas e de clase, xunta as ameazas do fascismo, bulen incómodas baixo o pretendido paraíso.
A guerra, en principio un rumor distante, vai crebar con violencia esas ilusións e obrigará cada personaxe a enfrontarse ao que realmente é. A chuvia sobre o mar non é unha crónica bélica, nin un recordatorio máis da represión e das súas circunstancias, senón unha indagación moral sobre a covardía, a supervivencia e o prezo de manterse con vida nun mundo que se derruba. Aquel mundo que ben puidera ser o noso, en que asistimos á emerxencia ameazadora de forzas semellantes. A imposible neutralidade esvaece e a propia alma convértese en última moeda de cambio.
Cunha prosa lírica e hipnótica, Luís Caparrós Esperante constrúe unha novela onde memoria e ficción, verso e relato, se entrelazan para revelar a fraxilidade dos ideais e a indiferenza da natureza fronte á traxedia humana, tan inútil e fermosa como a choiva a caer sobre o mar.
Luís Caparrós Esperante (A Coruña, 1952), foi profesor de literatura española na Universidade da Coruña até o seu retiro, hai tres anos. Nesta universidade ocupou tamén o cargo de vicerreitor entre 2008 e 2012. Antes, e durante dezaoito anos, foi profesor da mesma materia na Universidade de Valladolid. É autor de libros, edicións e artigos académicos sobre teatro do XVI e XVII e, sobre todo, de lírica contemporánea, especialmente do XIX e XX. Editou, por exemplo, a poesía completa de Nicomedes Pastor Díaz para a Universidade de Alicante e ten varios traballos sobre Rosalía de Castro. No século pasado foi un dos membros do Grupo do Castro, pioneiro no desenvolvemento do cómic en lingua galega e medio de acción antifranquista, xunto a Chichi Campos e os irmáns Xosé e Rosendo Díaz. Xa en Valladolid, os seus primeiros poemas mereceron un monográfico da revista Los Infolios, dirixida por Miguel Casado.
Non se lle coñece outra obra poética publicada até hoxe.
_____
Editorial: Laiovento 03-2026
Idioma: Galego
Páxinas: 226
NARRATIVA