Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

PEGATAS AO PEITO. MEMORIA DEMOCRÁTICA DA TRANSICIÓN EN GALICIA

por VV. AA.
€20,00
ISBN 9788417802769

Lampos de memoria
Rosario Álvarez | Presidenta do Consello da Cultura Galega

Naceron coa humildade dun formato accesible ás economías máis precarias e aos petos máis paupérrimos, válido incluso para a produción manual de artesanía doméstica; saíron ao espazo público cunha esperanza de vida breve, efémera, sen contar con grandes viaxes nin no espazo nin no tempo. Pero moitas venceron o seu fado e aquí as están, como
golpes de luz termando das nosas lembranzas, lampos que alumean aquí e acolá fragmentos da memoria colectiva, superviventes grazas ao afán coleccionista de quen tivo a visión, moito máis ca unha ocorrencia, de salvar este patrimonio cultural para todos nós.
Os «adhesivos», vulgo «pegatinas» e de xeito máis coloquial aínda «as pegatas». Un prodixio de efectividade comunicativa que combina a expresión lingüística sintética, como un dardo, e unha imaxe atraente, capaz de captar a nosa atención, non só para debullala e recibir adecuadamente a mensaxe senón para difundila, portada sobre nós mesmos ou depositada sobre os obxectos que nos pertencen ou que forman parte da paisaxe cotiá. Porque houbo un tempo en que «aquelas pequenas cousas» —como nos lembra
Miguel Gutiérrez, o sagaz coleccionista que soubo ver o seu valor máis alá do evidente— apareceron e se manifestaron con grande efusión nas nosas vidas e invadiron tanto o espazo público coma o privado: portas, vidros, valos, paredes, coches, cartafoles, libros, bancos, taboleiros, varandas, mobiliario, corpo, roupa... E seguimos, porque despois daquela grande explosión, que marcou e coloreou o tempo de cambio recollido nesta
escolma, as «pegatas» mudaron pero non desapareceron de ningún dos¡ escenarios cotiáns.
Estes pequenos retallos de papel autoadhesivos, con frecuencia clandestinos, case sempre anónimos, permiten contar unha historia, porque reflicten as preocupacións, a contestación política, a reivindicación social, as ansias de liberdades, os valores democráticos, a expresión da solidariedade, as operacións de márketing e propaganda política, as tensións dentro da comunidade, a sopa de siglas que nos asolagou, os conflitos laborais, as manifestacións da identidade, o rexurdir da sociabilidade e dos espazos de
encontro, os movementos sociais emerxentes, o asociacionismo... Serven de crónica dun tempo. Nesta selección, que presentamos nunha sorte de banda deseñada un tanto casual, repartida en once capítulos temáticos, ese tempo é o que vai dende os derradeiros anos da ditadura ata os primeiros anos oitenta, apenas logrado o dereito ao autogoberno; constitúen por tanto unha galería que ilustra, dun xeito que a nós nos semella impactante,
a memoria da Transición.
A crónica visual ten tamén o valor de ilustrar a evolución dos propios obxectos, tanto na súa estética coma nos recursos técnicos dispoñibles ou empregados. Son por iso tamén un material espléndido para analizar a evolución do grafismo galego, que tanto evolucionou e se diversificou no último medio século ata os cumes de excelencia que todos recoñecemos e celebramos.
Como presidenta do Consello da Cultura Galega quixera resaltar, unha vez máis, a importancia do coleccionismo e o labor indispensable dos e das coleccionistas, neste caso focalizados no Fondo de propaganda política Miguel Gutiérrez, unha destacada colección documental privada reunida polo cidadán consciente que lle dá nome, e que recolle a propaganda e publicidade políticas entre o final do franquismo e a primeira década deste
milenio; uno a esta manifestación a da satisfacción e gratitude do Consello da Cultura Galega por poder acrecentar os seus arquivos coa dixitalización deste impoñente Fondo documental, que así se preserva e pon a disposición dos públicos interesados.
Abrimos esta fiestra á memoria colectiva de varias xeracións de galegas e galegos o día 20 de novembro de 2025, cando se cumpren 50 anos da data que pode marcar simbolicamente a fin do franquismo.

Presentación
Rosario Álvarez
«Aquelas pequenas cousas»
Miguel Gutiérrez
Construír a democracia: política e identificación. A arte do «efémero»
Emilio Grandío
Rachar co pasado. Amnistía, legalización de partidos, maioría de idade…
Sobre «representantes» e «representados». Das primeiras eleccións xerais ás autonómicas
Eleccións locais: votar polo «veciño»
O pasado como identidade. Estatuto de autonomía e aldraxe
«Unha terra, un pobo, unha fala»...
Un lecer «propio». Asociacións, festas, música…
O mundo do traballo. Reivindicacións laborais e sindicalismo
Unha sociedade autoorganizada. As asociacións veciñais
Ecoloxía e defensa do territorio
Unha nova sociedade: estudantado e feminismo
Arredor da violencia. Da impunidade ao pacifismo 

____

Editorial:Consello da Cultura 12-2025
Idioma: Galego
PÁXINAS: 165
ENSAIO/INVESTIGACIÓN
TRANSICIÓN GALICIA
CONSTRUIR A DEMOCRACIA
MOVEMENTO OBREIRO
IDENTIDADE CULTURAL
POLÍTICA