
Este catálogo ofrece unha visión completa e abranguente da obra de Antón Lamazares (Maceira, Lalín, Pontevedra, 1954) ao longo de máis de cincuenta anos de carreira, ao tempo que permite abordar, na súa complexidade, unha das figuras máis senlleiras do contexto artístico galego. Coa axuda de múltiples voces chegadas de ámbitos tan diversos como a historia da arte, a crítica ou a poesía, o libro propicia unha apreciación actualizada da orixinalidade da obra de Lamazares.
Achegarse ao seu traballo é experimentar o silencio, formar parte dunha constelación marabillosa que nos brinda estados de contemplación e intensifica o gozo. A súa pintura é o resultado da sabedoría e a grandeza de saber rescatar a humildade, a sinxeleza, o vigor, a coraxe, o corazón, o amor, a morte, a plenitude... nun universo de verdade e silencio.
A visión máis completa e abranguente da obra dun artista tórnase posible cando temos ocasión de examinar a súa produción artística ao longo da súa carreira. Unha oportunidade de viaxar no tempo, tendo como horizonte as obras froito do traballo e da entrega ao singular exercicio do querer mostrar. Unha revelación cuxos resultados están depositados nesas obras que se foron afirmando na plenitude do tempo.
Acceder á obra de Antón Lamazares (Maceira, Lalín, Pontevedra, 1954) co designio de albiscar cincuenta anos de dedicación, investigación, estudo e desenvolvemento dun traballo é un momento moi especial, porque nos permite achegarnos á obra dunha das figuras máis senlleiras no contexto artístico de Galicia, de España, e en constante relación co mundo. A súa ávida curiosidade fixo que diferentes xeografías lle servisen para aliñar intencións e propósitos que axudaron a conformar a súa obra.
Revisitar é redescubrir, é volver ao principio, iluminar de novo e facer resplandecer o propósito que animou o primeiro momento. As capas do tempo súmanse ás obras e explícanas, ofrecéndonos unha observación renovada que permite unha valoración máis depurada.
Esta exposición é un acontecemento que, sen dúbida, vai propiciar unha apreciación actualizada da orixinalidade da obra de Antón Lamazares. Achegarse ao seu traballo é experimentar o silencio, formar parte dunha constelación marabillosa que nos brinda estados de contemplación e intensifica o gozo. O seu Alfabeto Delfín encerra unha clarividencia, unha audaz contribución que nos convoca á proximidade das formas puras, do debuxo que sustenta a palabra, do rexistro que se consolida en materia e nos devolve gozo. O encontro que se nos permite co excelso provén da prerrogativa de poder convivir, gozar e contemplar a obra de Lamazares, que é o resultado da sabedoría e a grandeza de saber rescatar a humildade, a sinxeleza, o vigor, a coraxe, o corazón, o amor, a morte, a plenitude... nun universo de verdade e silencio.
____
Editorial: Xunta de Galicia 02-2025
Idioma: Galego, Castelán, Inglés
Páxinas: 115